Sunday 28 de April de 2024

Ramón Blanco Fernández recibe o XXIX Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón


O secretario xeral de Cultura destacou no acto de entrega do galardón a contribución dos certames poéticos á produción literaria en galego

Ramón Blanco recibiu o XXIX Premio do Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, co que foi galardoado pola súa obra ‘Se pedra na brétema’. No acto de entrega, que tivo lugar onte no centro educativo que leva o nome de Lorenzo Baleirón, no municipio de Dodro, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou a contribución dos certames poéticos á produción literaria galega, ao tempo que puxo en valor o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón pola súa dilatada e consolidada traxectoria, con preto de trinta edicións.

Ademais da entrega do premio a Ramón Blancos, o acto tamén serviu de marco de presentación para a publicación coa obra gañadora do certame en 2015, que leva por título ‘Fornelos&Fornelos. Segunda fundación’, da autoría de Xerardo Quintiá. Os dous autores recibiron a felicitación do secretario xeral, que tamén agradeceu o labor imprescindible levado a cabo desde o ámbito local nos diferentes concellos de Galicia a prol do desenvolvemento da cultura, da literatura da lingua galegas, a través de iniciativas coma este certame.

Alentar a creación literaria en galego
A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, vén colaborando desde hai anos co Concello de Dodro na convocatoria do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón co fin de alentar a creación poética en lingua galega e de poñer en valor o legado literario do autor que lle dá nome ao certame.

Con este mesmo obxectivo de impulsar a produción literaria en galego, a Xunta de Galicia promove e apoia a realización doutros premios de referencia do panorama literario en Galicia, entre os que destacan o Premio de Poesía Afundación, o Premio de Narrativa Breve Repsol, o Premio de Poesía Concello de Carral, o Premio de Relato Breve Nélida Piñón e o Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro.